Thursday 25 de April de 2024

Alternadiva dos Veciños, PSOE e BNG votan en contra da moción do PP de Oleiros para a rectificación da Lei do “Só si é si”


Eleva ao Pleno a instalación dunha lona con contido crítico sobre anteriores Presidentes do Goberno e pide explicacións polo custo dos 14.500 libros que vai editar o concello sobre equipamentos públicos.

O PP de Oleiros presentou ao pleno celebrado o pasado xoves unha moción e unha batería de cuestións entre rogos e preguntas, que atoparon as reticencias habituais por parte do alcalde.

Para empezar, a moción do grupo do PP elevada ao devandito pleno baseábase nunha petición de rectificación da lei do “só si é si”, atopándose coa abstención de Cidadáns e os votos en contra de Alternativa dos Veciños, PSOE e BNG.

O grupo municipal do Partido Popular pregunta ao alcalde sobre a instalación dunha lona crítica coa mobilidade da área metropolitana acusando a anteriores Presidentes do Goberno de ser os responsables dos problemas, precisamente sendo el quen autorizou o levantamento do principal obstáculo á mobilidade –o edificio de Copigal-; e tamén sobre a ética de utilizar o diñeiro dos veciños para criticar a outras formacións políticas. A todo iso o alcalde ofrece unha sorprendente declaración: “A lona non a imos a retirar. Agora xa non temos a Rajoy, temos aos catro Presidentes, xa que ningún fixo nada. Cando damos un golpe, dámolo ben. Á xente gústalle.”

Interpelado por este grupo en relación co custo da edición de 14.500 exemplares dun libro sobre equipamentos públicos, considerando que só incorpora o parque das Trece Rosas fronte aos exemplares editados anteriormente, o alcalde remítese a que o custo foi “publicado no Boletín”.

No capítulo de rogos, solicítase reforzar a iluminación nos Regos, #ante as carencias detectadas na rúa principal da urbanización, á altura do parque. O alcalde despachou este asunto alegando que “Os Regos ten luz”. Así mesmo, solicítanse melloras na iluminación entre o Paraíso e Beiramar e nas obras da N-VI, coñecer cando se vai a reparar as fendas das sendas peonís da Rúa do Río, así como que se terminen as obras de pintado da Rúa Che Guevara. A isto último o alcalde contestou que “estamos a esperar días seguidos sen choiva”.

Ponse o acento, tamén, sobre o problema que supón a presenza da procesionaria do piñeiro en diferentes puntos do concello e os seus riscos para a saúde de persoas e animais. Así mesmo, os últimos temporais han provocado a caída de numerosas árbores e ramas. Advírtese, por parte do grupo municipal do PP, sobre a necesidade de cortar e retirar estes restos canto antes.

As demais cuestións presentadas versaban sobre o prazo para a reparación da Rúa Castromen -afundida no seu comezo desde hai meses- así como o momento en que estará dispoñible o prometido Regulamento sobre os medios de comunicación municipais. Sobre estes asuntos xa non houbo resposta por parte do alcalde.